Tralo pasamento de Mauro Leivas en xullo de 2025, un grupo de familiares e amizades decidimos constituír a Asociación Mauro Leivas co firme propósito de manter vivo o seu legado.
Nacemos coa vontade de ser algo máis ca un arquivo: queremos ser un axente activo na cultura. Os nosos obxectivos fundamentais son:
- Espallar a súa obra: Dar a coñecer a súa creación a través de todos os medios posibles, tanto en formatos físicos como nas novas canles dixitais.
- Conservar o legado: Protexer e coidar todo o material artístico e intelectual que Mauro nos deixou.
- Catalogar a produción: Realizar un inventario exhaustivo da súa obra, abarcando tanto as pezas que permanecen no seu obradoiro como aquelas que están espalladas polo mundo.
Activar os seus valores: Non entendemos a obra de Mauro sen o seu compromiso. Por iso, traballaremos na difusión das causas que sempre o moveron: o ecoloxismo, a diversidade cultural, a defensa dos dereitos LGBTQIA+, o antibelicismo e o pensamento científico.
Para levar a cabo estas tarefas, convidamos a toda a sociedade a colaborar connosco, ben sexa mediante unha achega puntual ou formando parte activa da asociación. Respecto aos modos de participación pódese atopar cumprida información nesta mesma páxina web a través do seu formulario de contacto.
Chamamento á catalogación: Axúdanos a completar o mapa
Aproveitamos esta presentación para facer un chamamento especial: se posúes algunha obra de Mauro Leivas, rogámosche que nolo fagas saber a través desta web ou do correo electrónico. O noso obxectivo é unicamente incluír a información no Arquivo Xeral para ter un rexistro completo da súa traxectoria.
Do mesmo xeito, agradecemos calquera outra documentación respecto ao seu traballo (colaboracións en eventos, carteis, catálogos antigos, fotografías, etc.) que nos axude a reconstruír a súa historia.
Podes usar o noso formulario de contacto ou completar este breve formulario
