O texto que figura a continuación representa a esencia do que se dixo o día 19 de marzo na presentación da asociación Mauro Leivas. Xa que non se conserva unha gravación completa do acto, se presentan os textos nos que se basearon as persoas que falaron durante o acto.

Presentación do acto

Grazas por vir hoxe a todo o mundo, máis aínda sendo nun día festivo. En especial queremos dar as grazas a: Juan Puchades, Xosé Artiaga, Daniel Caxigueiro, Silvia Fiallega e Encarna Lago por ser referencia para esta asociación.

E por suposto as autoridades presentes na sala: polo Concello de Mondoñedo o seu alcalde Manuel Otero, a tenente de alcalde Ángeles Rodríguez e o seu concelleiro de Cultura Alberto García, polo Concello de Barreiros o seu tenente de Alcaldesa Antón Antonio Veiga e pola Rede Museística provincial Lugo Silvia Fiallega.

Xa pouco despois do día 23 xullo de 2025, un grupo de familiares e amizades fomos organizando o que hoxe vimos presentarvos neste acto a asociación Mauro Leivas.

O acto non quere apelar á nostalxia (aínda que se var ser moi difícil) senón que quere ser un acto de activación e reivindicación da figura de Mauro tanto como artista como persoa fortemente comprometida social e politicamente.

A nosa intención, e esperamos que a vosa, é manter vivos tanto os seus valores como a súa obra a través deste proxecto colectivo e aberto.

O acto que vai ser breve. Vámolo presentar varias persoas da directiva que por orde de intervención son Pedro Leivas, Chus Ruiz (eu), Mariam Ferreira e Pepa Carballeira. Falaremos respectivamente dos principios e compromisos da asociación, da súa dimensión social, da súa dimensión cultural e, finalmente, dos proxectos de futuro a curto e medio prazo.

Agora dou paso a Pedro Leivas.


Compromisos e principios da asociación

Eu vou falar dos compromisos e principios da asociación Mauro leivas.

Pedro Leivas

Somos unha asociación sen afán de lucro creada por familiares e amizades de Mauro, con sede no Barrio dos Muiños de Mondoñedo, onde el viviu e tamén creou gran parte da súa obra.

Esta asociación nace polo que Mauro representou para nos, non soio no artístico, tamén no cultural, político e familiar.

Mauro foi un referente para gran parte de nos,ensinounos a ver o mundo dende outras perspectivas, a cultivar a nosa capacidade de analise vendo mais alà e agudizando o noso sentido crítico dun xeito mais global.

Cando eu era un neno, el xa falaba de cousas que están sucedendo agora e que daquela parecían guións de ciencia ficción, tildandoi de tolo e de ter ideas desatinadas. Hoxe, é re-coñecido como un visionario anticipado ao seu tempo.

Por todo isto consideramos que debemos protexer, catalogar e difundir o seu legado artístico que tamén e político e sociocultural, mantendo viva a súa concepción da arte como ferramenta de transformación, sendo así axentes activos no noso entorno sociocultural e non soio un mero arquivo.

Para Mauro a arte foi un aporte social en moi- tas formas e momentos, usando con coraxe a beleza ou a irreverencia de forma atrevida e valente aínda a sabendas das repercusións da súa obra.

Dende Mondoñedo sempre tivo unha visión global e iso é algo que debemos conservar, o noso traballo seguirá sendo local pero sen perder unha visión mais ampla con colaboracións con outras asociacións ou estamentos como así tamén o fixo el, conservando o seu espírito crítico e comprometido.A cultura non nace nos grandes centros nin se constrúe só desde as capitais. A cultura nace nas persoas, nos lugares onde vivimos, nas linguas que falamos, nas historias que herdamos e nas formas que temos de entender o mundo. Por iso, falar de cultura descentralizada é falar dunha cultura viva, diversa e profundamente ligada ao territorio. O local non é pequeno nin limitado. O local é raíz. É memoria, identidade e comunidade.
Nas aldeas, nas vilas e nas cidades constrúense maneiras únicas de crear, de celebrar e de pensar. Cada lugar achega unha mirada distinta sobre a vida, e esa diversidade
é precisamente o que enriquece a cultura colectiva.

Cando recoñecemos o valor do local, abrimos a porta a unha comprensión máis ampla do universal. Porque o universal non é algo afastado nin abstracto; constrúese sumando voces, experiencias e culturas diferentes.

Canto máis profundamente coñecemos a nosa realidade, mellor podemos dialogar co resto do mundo.Unha cultura descentralizada aposta por distribuír oportunidades, espazos e recursos para a creación cultural en todos os territorios.

Significa apoiar aos creadores locais, fortalecer as linguas propias, protexer as tradicións e, ao mesmo tempo, fomentar a innovación e o intercambio. Defender o local non é pecharse. É todo o contrario: é construír unha base sólida desde a que abrirse ao mundo con identidade propia. Porque cando as culturas locais son fortes, o mundo é máis rico, máis plural e máis humano. En definitiva, comprender o universal comeza sempre por valorar o lugar do que vimos. A forza do local é, en realidade, a forza da cultura.

Por iso dende o local e para o global, esta asociación estará aberta ás iniciativas e proxectos de colaboración que nos definan e nos aporten como sociedade. E para todo isto os socios elixiron unha directiva de 6 persoas que será renovada en dous anos nas pertinentes eleccións como asi figura nos estatutos. A directiva resultante foi a seguinte:

  • Néstor Leivas – presidente
  • Mariam Ferreira – vicepresidenta
  • Chus Ruiz -secretario
  • Pepa Carballeira – tesoureira
  • Mª José Rivas. -vogal
  • Vilma Leivas – vogal
  • Pedro Leivas – vogal

Dentro dos socios como xa sabedes casi todos os que recibístedes a carta de invitación, haberá 3 modalidades: Base, colaborador e benfeitor.

Ademáis queremos sinalar a figura do soci@ de honra, que serán persoas de especial
relevancia na vida e obra de Mauro.

Tanto as contas, proxectos, colaboracións etc estarán coa maior transparencia posible na
nosa web para que calquera persoa poida acceder facilmente a toda a información.

Graciñas pola atención e doulle paso de novo a Chus para que continúe con mais temas.

A dimensión social da asociación

Como xa apuntei no comezo, Mauro Leivas non só era un artista (signifique isto o que signifique), el entendía o seu traballo como unha obriga social. Tanto a obra como o artista estaban comprometidos co seu entorno.

É algo fácil de dicir pero que se complica moito cando es unha persoa (e vou repetir as súas propias palabras)

coxa, mariquita e comunista.

Tamén, Mauro era moito de recordar estes versos de Gabriel Celaya do seu poema La poesía es un arma cargada de futuro, simplemente cambiade poesía por creación ou arte:

Maldigo la poesía concebida como un lujo cultural por los neutrales
que, lavándose las manos, se desentienden y evaden.
Maldigo la poesía de quien no toma partido hasta mancharse.

Mauro estivo comprometido sempre cos valores do ecoloxismo, o coidado da paisaxe e da natureza no local e no global porque non hai compartimentos estancos. Co feminismo e co movemento LGBTQIA+ (Lesbians, Gays, Bisexuais, Transexuais, Queer, Intersexuais, Asexuais e máis aquelas outras identidades que non se recollen nas anteriores). Coa diversidade cultural, a defensa da cultura galega e doutras culturas minorizadas. Co antibelicismo. Co pensamento científico como forma de comprender e explicar o mundo. Seguindo estas liñas polas que Mauro transitou a nosa asociación tamén quere ser un espazo de acción social .

Non só pretendemos conservar a súa obra, queremos activar ideas.

Polo que dende a asociación promoveremos actividades encamiñadas a manter vivo ese compromiso (publicacións, foros de debate…) e a colaboración con outras entidades de carácter asociativo, públicas ou privadas.

Mariam Ferreira e Chus Ruiz

E agora dou paso Mariam Ferreira

A dimensión cultural ou do legado artístico

A min tócame falar da dimensión cultural ou do legado artístico de Mauro. E considero que para falar do legado artístico de Mauro hai que comezar por falar de qué era para el a arte. Porque a arte pode ser moitas cousas. El fuxía desa arte con maiúsculas dos museos, dos festivais que son máis un espectáculo que unha expresión artística. El dicía que a arte era unha necesidade biolóxica e por iso nos dicía que un artista non nace, un artista, faise. E que calquera de nós temos ese poder creativo. Non é que determinadas persoas estean tocadas por unha variña máxica. Por iso, fuxía desa idea do talento innato e dicíanos que calquera de nós podíamos aspirar a expresarnos. Tiña unha visión moi desmitificadora, voume atrever a dicir desacralizadora, da arte. De feito el, e moitas das persoas que estades aquí o sabedes, definíase habitualmente coma un artesán, non coma un artista.

Ademais, como xa dixeron na mesa anteriormente, perdoade, voume repetir, el entendía que a arte se desenvolvía nun contexto, nun entorno determinado, el non desligaba a obra do artista. E eu engado que tiña unha visión moi moderna do territorio, que podemos resumir nunca cousa que el nos deixou escrita: “é nosa a paisaxe, ou nós somos dela?”. Non facía esa separación do ser humano e da natureza e entendelos en conxunto é unha visión moi moderna.

Mariam Ferreira

Outra característica que tiña Mauro era a súa curiosidade infinita, practicou un montón de expresións artísticas e se non fixo máis, foi porque non tivo tempo. Foi escultor, foi pintor, traballou con óleo, traballou con acuarela, fixo arte dixital e na última das súas etapas chegou a ese papel xaponés tan fino e a esa delicadeza dos pigmentos minerais.

Outra das características que tiña Mauro, que era unha persoa que estaba continuamente traballando, pintando, foi a súa xenerosidade. Moitas das persoas que estamos aquí somos depositarias de parte da súa obra. Porque el non pintaba só pra vender, el tamén nos agasallaba coa súa arte. Isto que provoca? Eu son a persoa desta mesa que vos vai facer peticións. Aquí todos ofrecen e eu pido. A alguén tiña que tocarlle. Isto provoca que a súa obra estea espallada por moitos lugares. Que vos vou pedir en primeiro lugar? Nós queremos facer un catálogo o máis exhaustivo posible da súa obra, entón, por favor, aquelas persoas que sexades depositarias dalgunha das súas obras, pediríavos que vos puxésedes en contacto con nós. Tedes en cada asento un par de tarxetiñas co enderezo electrónico e a web da Asociación. Trátase de que podamos completar ese catálogo o máximo posible. Outra cuestión que ten que ver coa xenerosidade de Mauro é que participou en numerosos eventos, exposicións, fixo moitas colaboracións. Foi alí onde o chamaron. Entón, fágovos unha segunda petición. Se tedes carteis, documentación, calquera cousa que teña que ver coa súa participación e colaboración en diversos eventos, poñédevos tamén en contacto con nós. A nosa idea é completar o mapa da súa traxectoria e cada peza, cada documento, por pequeno que vos pareza, axuda a completar a súa historia.

Queremos crear un arquivo xeral onde recoller e protexer todo o seu material artístico e intelectual. E ademais queremos dixitalizar todo este legado para facelo accesible a toda aquela persoa que queira consultalo. Para rematar, dicirvos que tamén realizaremos mostras, exposicións, coas que difundir a súa obra e as súas diferentes etapas creativas.

Agradecendo de novo a vosa asistencia a esta presentación, pásolle a palabra a Pepa.

As liñas de traballo e proxectos

Eu vou a falar das liñas de traballo e proxectos da Asociación a curto e medio prazo: o máis inmediato completar a catalogación do obradoiro e do material documental,para iso precisamos localizar todas e cada unha das obras espalladas polo mundo, para o cal necesitamos da vosa colaboración, se alguén posúe ou sabe dalgunha obra de Mauro agradecemos nos achegue esa información; consolidar a páxina web eo arquivo dixital como ferramenta de consulta; programar as primeiras actividades públicas e exposicións, gustaríanos cara o verán poder facer unha primeira exposición na Mariña.

Pepa Carballeira

A medio prazo: colaboración con outras Asociacións Culturais e Galiza e do exterior e pedir, como non, a colaboración das Institucións Culturais deste país; publicacións sobre a obra e o pensamento de Mauro; foros e encontros arredor dos valores que él defendeu o longo da súa vida.

A asociación só ten sentido si é aberta e participativa. Queremos que sexa un espazo de encontro para quen compartiu camiño con Mauro pero tamén para quen o descubra ágora, por iso invitámosvos a sumarvos a este proxecto e pódese facer de distintas maneiras: con unha achega económica, coa presenza ( que hoxe está máis que demostrada) ou coa memoria ( un recordo, unha vivencia) todo conta, todo achega, sumádevos.

Non gardamos só obras gardamos un xeito de entender a vida. O legado de Mauro segue na súa arte e no seu compromiso, coa Asociación queremos honrar ambas cousas.

Ágora se alguén ten algunha dúbida ou algunha pregunta, intentaremos aclarala

Só me queda darvos as GRAZAS por acompañarnos neste comezo. Vémonos nos bares.